sábado, 18 de diciembre de 2010

Apertura da Libraría Endo






As voltas que da a vida… fai exactamente catro anos volvín a collerlle o gusto a ler comics. Nese momento, non podía imaxinar que moito tempo despois se convertiría en moito máis que unha sana afición lectora.
Moitas cousas pasaron antes de que me decidira a abrir a Libraría Endo. Son precisamente estas cousas, e as experiencias que tiven a sorte de vivir as que me levaron a querer ofrecer cultura en forma de viñeta e debuxo.
A libraría Endo nace sobre todo coa ilusión de apoiar aos autores galegos de banda deseñada que dende fai xa moitos anos dan mostra día tras día da súa excelente capacidade para mostrarnos un comic feito en Galicia, con identidade propia e que triunfa alá onda vai e é a día de hoxe un referente a todos os niveis. Temos a sorte de contar con grandes debuxantes e tamén cuns guionistas que son francamente bos.

Unha parte da libraría estará adicada ao manga e a cultura xaponesa. O máis salientable da “zona manga e cultura xaponesa” e que poderedes atopar dende a última obra de Jiro Taniguchi ou último tomo do voso manga favorito xunto con libros de ilustración importados directamente dende Xapón e figuras de persoaxes manga e anime. Non quero olvidarme da ampla selección de literatura xaponesa con títulos de Kenzaburo Oé , monográficos adicados a arquitectos xaponeses ou ensaios sobre o mundo fantástico na literatura xaponesa.
Un dos puntos fortes de Endo é a sección de Literatura Infantil, na que os máis pequechos (e non tan pequechos) poderán degustar e divertirse cunha ampla selección de libros ilustrados, xa non só por autores galegos coma pode ser Xan López, senón tamén con grandes autores coma Gianni Rodari.

A libraría Endo pretende ser algo máis que unha libraría e por iso cada mes poderedes ver unha exposición dun autor galego. Coincidindo coa apertura e inauguración da libraría que será este sábado día 18 de decembro, temos o pracer e o orgullo de contar cunha primeira exposición que poderedes ver ao longo do próximo mes . O autor desta primeira mostra e Mariano Casas Gil, que expón os orixinais da súa obra “La Mancha Negra”. Así mesmo convídovos a que, se así o desexades, veñades o vindeiro día 20 de decembro á presentación que fará o propio Mariano Casas na libraría a partires das 19:30 horas da súa nova obra: “A historia xamais contada xamais contada”. Todos aqueles que veñan poderán adquirir as súas obras, tanto en papel coma en formato dixital (versión PDF para PC e iPad).
Sen máis, espero que deades unha volta por esta nova libraría e que lle botedes un ollo. Estou seguro de que atoparedes cousas que vos alegrarán o día e que vos farán a vida moito más leda e bonita. Non o dubidedes, vide; a Libraría Endo por fin está aberta.


4 comentarios: